Compromisos

NOVA CULTURA POLÍTICA, COMPROMISOS ASEMBLEA VECIÑAL, NÓS POBRA.

Como membros da Asemblea veciñal de Nós Pobra,

  1. Comprometémonos a respectar as opinións dos veciños e veciñas, a actuar con responsabilidade e a explicar as decisións que tomamos.

  1. Comprometémonos a non defender intereses alleos aos intereses colectivos e a actuar tomando como referencia o noso manifesto.

  1. Comprometémonos a renunciar a nosa acta como concelleiro ou concelleira se así no lo demanda a asemblea que nos escolleu.

  1. Comprometémonos a asegurar un trato sen privilexios, igualitario para todas as persoas, respectuoso cos dereitos individuais e colectivos.

  1. Comprometémonos a promover a participación social na vida municipal, a configurar unha administración achegada ao pobo, dinámica, flexible, accesible e que ofreza servizos de calidade.

  1. Comprometémonos a realizar unha xestión transparente, a facilitar o acceso á información sobre a actividade política municipal, establecendo mecanismos áxiles de difusión da mesma.

  1. Comprometémonos á posta en marcha duns orzamentos municipais participativos, de xeito que a cidadanía asuma responsabilidades na toma de decisións que afectan ao seu medio físico e humano. As asociación cidadáns serán chaves á hora de fixar prioridades nas accións de carácter local e sectorial.

  1. Comprometémonos a recuperar para a xestión pública municipal aqueles servizos básicos que non deben ser obxecto de enriquecemento particular nin empresarial.
  1. Comprometémonos, neste contexto de desfeita económica e destrución do público, a articular e desenvolver un sistema de benestar social coherente, racionalizado e xusto, a aumentar as partidas orzamentarias destinadas ao gasto social e a priorizar actuacións que eviten a exclusión social.

  1. Comprometémonos a traballar pola dignidade da nosa vila, das súas xentes, e da súa cultura, a facer do propio o motor do desenvolvemento local, propiciando a cooperación entre administracións e o aproveitamento dos recursos, con políticas comprometidas coa protección e potenciación do noso medio natural.

  1. Comprometémonos a defender a autonomía municipal, a conservar as súas competencias e a preservar os espazos políticos de participación máis próximos á cidadanía.