Manifesto

Estamos nun momento histórico no que, dende as institucións, os partidos gobernan de costas á cidadanía, xa que, no canto de rexer garantindo o benestar da sociedade, manipulan a democracia para favorecer os intereses das elites económicas. Levounos décadas descubrir as farsas dunha democracia asentada sobre unhas estruturas vulnerables aos políticos corruptos. Chegou o momento de dar un paso á fronte.

Nós Pobra, candidatura cidadá, maioritaria e plural, pretende cambiar o xeito de facer política e a forma de construír e gobernar a nosa vila. Trátase dun cambio que debe comezar por abaixo, polos cimentos, e é aí onde estamos nós. Cremos nunha democracia participativa, na que a cidadanía sexa a auténtica protagonista e na que se consulte aos veciños sobre a toma de decisións.

Ante a proximidade das eleccións municipais de 2015 é moito o que hai en xogo. Cunha democracia participativa gañamos en transparencia, en igualdade e en dereitos. Só unindo forzas seremos quen de acadar os cambios que a nosa vila necesita.

  • Queremos unha Pobra diferente e nova, unha Pobra libre de clientelismos, especulación, desemprego e corrupción.

  • Cremos nunha vila que aposte polo emprego, na que a educación sexa un dos piares fundamentais, e na que se dinamice a economía local para frear a emigración dos nosos mozos e mozas.

  • Apostamos por unha educación de calidade, dotando aos nosos centros educativos dos recursos e equipamentos precisos.

  • Defendemos unha sanidade pública e uns servizos sociais que garantan a mellor atención aos cidadáns.

  • Consideramos a rehabilitación do rural imprescindible para mellorar as condicións de vida da cidadanía.

  • Queremos protexer e revalorizar o noso medio ambiente, así coma os dereitos dos animais.

En definitiva, buscamos mellorar o benestar cidadán, convertendo a nosa vila nun lugar onde sexa posible levar a cabo o noso proxecto de vida e o das xeracións futuras.